No bico un cantar "Camariñas"

No bico un cantar nº 25 "Camariñas". Emisión en Televisión de Galicia: 22-3-2014
As Cantigas de Camariñas están formadas por varias coplas que se conservaron na memoria popular durante xeracións, cantadas unha e outra vez en palilladas e festas populares.
Pero houbo algúns feitos que as converteron nunha das pezas máis coñecidas do cancioneiro galego: primeiramente a incorporación ao repertorio dos coros polo músico coruñés Adolfo Anta Seoane e despois a gravación que fixo en 1979 o grupo Petapouco, formado en Barcelona e do que era integrante un coñecido camariñán: Xosé Luís Blanco Campaña.
Nesta entrega do espazo da TVG, os espectadores coñecen a historia das Cantigas de Camariñas da man do propio Xosé Luís Blanco, da familia de Adolfo Anta Seoane, de quen a cantou no Coro da Real Fábrica de Tabacos da Coruña e dos camariñáns, que falan do sentimento que lles provoca cantar e escoitar esta peza que levou o nome da súa vila por todo o mundo.
Co ambiente das palilladas, coa bravura do litoral camariñán e coa festa da Virxe do Carme de fondo, o programa ofrece as versións que desta fermosa cantiga fixeron Treixadura, Lucía Pérez, Xaime Estévez, Os Panchos do Jolfendro, o Coro Municipal de Mulleres de Camariñas, Vellos Ventos, o gaiteiro Xavier Blanco e o Cuarteto Egeria.

Пікірлер