NO BICO UN CANTAR "Fisterra"

Moitas das cancións galegas máis coñecidas son pezas tradicionais que dispararon a súa popularidade por versións recentes de músicos actuais e a súa difusión discográfica. Hoxe, en No bico un cantar, imos adicar ó programa a unha destas cancións, Fisterra, unha canción tradicional que coa versión de Treixadura tivo un tremendo éxito no ano 2006. Só o tempo dirá se conserva a súa popularidade co paso dos anos pero esta versión de Treixadura contribuirá sen dúbida a que se perpetúe...
A letra de Fisterra é un auténtico misterio. A primeira estrofa cita diversos lugares da costa galega cunha melodía chea de emoción e de nostalxia. (Fisterra vai na proa... Camariñas vai no mar'e... Santa Uxía de Ribeira... Poboa do Caramiñal'e-) Unha fermosa metáfora en que Galicia é un barco coa proa situada en Fisterra. A segunda estrofa é unha copia literal da canción “Os teus ollos”, de Curros Enríquez e Chané, escrita a finais do XIX? pero podería estar inspirada nunha copla popular. (“Eu tamén choro, eu tamén choro, cando non me alumean, meu ben... eses teus ollos”). A terceira estrofa parece ser unha continuación da segunda, probablemente popular, pero non figura no poema de Curros: (“Se queres que brille a lúa... pecha os ollos meu amor'e... que mentra-los tes abertos...a lúa pensa que hai sol'e).”. Por último a 4ª estrofa é unha estrofa máis local, da zona de Ribeira, na que se enumeran algunha das riquezas dalgúns lugares da ría. As sardiñas en Aguiño, os polbos en Castiñeiras e... en Ribeira... pois as rapazas bonitas.

Пікірлер