NO BICO UN CANTAR "O Himno Galego"

NO BICO UN CANTAR- HIMNO GALEGO
DATA DE EMISIÓN EN TELEVISIÓN DE GALICIA: 25/07/2013
Se alguén empeza a cantar: “Que din os rumorosos...” reponderemos: “na costa verdecente...” Inmediatamente identificaremos eses versos co Himno galego. Sabemos que o compositor da música foi Pascual Veiga e o autor da letra foi Eduardo Pondal. Pero hai simples cuestións sobre o Himno que poucos sabemos: Cando? Como? Por que? ou Para que? se creou.
Por que naceu en Cuba o Himno? En parte polo amor dos pobos de acollida dos emigrantes polos símbolos patrios pero tamén pola teima dun galego emigrante, Xosé Fontenla Leal , que desde Cuba foi quen de unir o talento de Pondal e o de Pascual Veiga. O Himno estréase o día 20 de decembro de 1907 no Gran Teatro do Centro Galego da Habana. Desta unión eterna entre a letra de Pondal e a música de Pascual Veiga quedounos un dos símbolos de Galicia.
O profesor da Universidade da Coruña, Manuel Ferreiro - un dos estudosos maiores de Pondal- contaranos como o Himno se perpetuou ó longo da historia con algúns erros, erros que podemos e debemos corrixir. Xosé Neira Vilas, autor do libro “Cen anos de Himno galego” falará dos sentimentos espertados nalgúns galegos ilustres a primeira vez que escoitaron o himno. Descubriremos a figura de Fontenla Leal, intermediario entre Veiga e Pondal na procura dese himno de tódolos galegos.
Xosé Luis Méndez Ferrín, Maximino Zumalave, Fernando López Acuña ou Marica Campo tamén darán a súa visión de distintos aspectos do noso himno: dende os misterios do seu significado ata as visións máis persoais. A diferenza doutros himnos máis guerreiros ou imperialistas, o himno galego é considerado por moitos dos entrevistados como unha canción chea de beleza.
As versións que No bico un cantar ofrecerá poñeranvos a pel de galiña ós espectadores máis duros. Dende unha interpretación inédita e específicamente gravada para o programa de Treixadura, que lembra o estilo dos coros contemporáneos, ó himno como “Aires da Terra”, unha versión con aire gospel de Abe Rábade, toda a emoción de Uxía con Sergio Tannus, o coro Oliveira de Ponteceso que lle rende homenaxe ó seu paisano Pondal, o mestre gaiteiro Xavier Blanco interpretando o Himno cunha sinxela gaita de cana e moitas outras versións que nos farán sentir a beleza dunha canción escrita hai máis dun século pero que conserva todo o seu poder para emocionarnos e facernos sentir partes de algo, dunha terra, a nosa, Galicia.

Пікірлер: 2

  • @pedrodias7875
    @pedrodias7875 Жыл бұрын

    Sou português mas também me sinto GALEGO. Gosto muito de GALíÌCIA, do seu Hino com letra e música maravilhosas.

  • @finafilgueirasnieto3935
    @finafilgueirasnieto3935 Жыл бұрын

    Qué bonito o noso himno galego..EU son de familia de músicos..tiña un tío na banda de Ribadeume..o qué formou a orquesta de Ribadeume a sus Muller era prima da niña nai, el era Don Antonio Pico Blanco.. E Anselmo Lamigueiro fundou a orquesta os Satélites da Coruña..son de Miraz Xermade... biquiños pa miña Galicia...❤❤❤❤❤❤❤❤❤❤